
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral é un organismo autónomo dos previstos no artigo 11.b) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, adscrito organicamente á consellería competente en materia de traballo, que se configura como un órgano técnico en materia de prevención de riscos laborais, goza de personalidade xurídica de seu, autonomía funcional e plena capacidade de obrar.
Correspóndelle ó Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral creado pola Lei 14/2007, do 30 de outubro, a xestión e a coordinación das políticas que nas materias de seguridade, hixiene e saúde laboral establezan os poderes públicos da comunidade autónoma para a mellora das condicións de traballo, co obxecto de eliminar ou reducir na orixe os riscos inherentes ao traballo, sen prexuízo das competencias da Dirección Xeral de Relacións Laborais neste ámbito e das competencias atribuídas a outros departamentos da Xunta de Galicia.
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral estende a súa actuación a todas as empresas e á totalidade de persoal traballador, homes e mulleres, respecto dos centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, incluídas as administracións públicas e o persoal ao seu servizo. Na súa actuación inclúe especificamente as cooperativas de traballo asociado e as demais cooperativas en relación cos seus socios e socias de traballo.
Así mesmo levará a cabo actividades de promoción da prevención de riscos laborais en relación coas traballadoras e os traballadores por conta propia e co conxunto da poboación, prestándolles especial atención ás actividades de prevención dirixidas a pequenas e medianas empresas.
Para levar adiante estas tarefas, o ISSGA conta con diversas ferramentas, entre as que destacamos os catro centros provinciais de seguridade e saúde laboral.