Eventos

Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo_28 de abril

Imaxe
Imaxe día mundial seguridade e saúde no traballo

Cada 28 de abril, a Organización Internacional do Traballo conmemora o Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo, centrándose nun tema prioritario nesta materia. Este ano, o día Mundial abordará as repercusións do cambio climático na seguridade e a saúde no traballo e analizará os desafíos que presenta para a poboación traballadora e as empresas.

Algúns exemplos de riscos laborais agravados polo cambio climático son o estrés térmico, a radiación UV, a contaminación atmosférica, os accidentes industriais graves, os fenómenos meteorolóxicos extremos, o aumento das enfermidades transmitidas por vectores e a maior exposición aos produtos fitosanitarios. Todos estes riscos inciden no crecemento económico, no emprego e a saúde e precisan de actuacións para evitar ou minimizar as súas consecuencias na poboación traballadora.

Galicia, ademais de participar nas estratexias a nivel europeo e nacional neste ámbito, conta cun marco propio configurado pola Estratexia de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia: Horizonte 2027, na que se contemplan obxectivos e actuacións dirixidos aos novos escenarios e novas realidades do traballo sen descoidar sectores aos que se adica unha actuación prioritaria e preferente desde o Issga. Respecto ás repercusións da climatoloxía á que se refire este ano a OIT, mencionar, por realizarse os traballos no exterior, sectores ou actividades que poden estar especialmente afectados: a pesca, marisqueo, redeiras, construción, facendo fincapé na colocación de paneis solares e traballos en altura, a actividade da silvicultura pola especial dificultade dos traballos no monte e tamén cunha batería de accións a actividades altamente feminizadas.

Con motivo desta celebración dende a Xunta de Galicia se emite unha declaración institucional e se organiza, participa e colabora, a través do ISSGA, en diversos eventos, actividades formativas e actos que se indican a continuación:

 

ACTIVIDADES CONMEMORATIVAS DO DÍA MUNDIAL DA SEGURIDADE E SAÚDE NO TRABALLO – 28 DE ABRIL

 

1. ORGANIZADAS DIRECTAMENTE POLO ISSGA

 

Centro ISSGA_A CORUÑA

18 de abril de 2024

Xornada técnica “Como avanzar no benestar laboral e ser unha empresa saudable e sostible”

10.15 - 12.30

Xornada técnica realizada en colaboración con Aenor.

Nunha organización saudable o benestar dos traballadores e traballadoras debe ser parte primordial do conxunto de valores no que a seguridade e saúde laboral está por encima de calquera consideración e involucrar a persoas, provedores, colaboradores e clientes das empresas.

Unha empresa saudable significa, que ademais do cumprimento legal en prevención de riscos laborais, a saúde das persoas traballadoras xestiónase desde un enfoque integral e integrado e considérase a saúde en todas as políticas da empresa.

Nesta xornada técnica exporanse dúas versións compatibles e complementarias ás que poden optar as empresas presentando dous camiños para a posta en común, vinculada coa Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, de axudar e acompañar ao tecido empresarial galego para adoptar pequenos proxectos que repercutan na saúde laboral da traballadores e traballadoras.

 

Centro ISSGA_OURENSE

25 de abril de 2024

Presentación da campaña Issga “Paneis solares en cubertas: recomendacións preventivas contra caída de altura

11.45 - 13.30

Neste acto xunto con representantes do sector da construción presentarase a campaña Alerta_Issga "Paneis solares: recomendacións preventivas contra caídas de altura" e se incidirá na importancia da integración da prevención de riscos laborais no deseño de paneis solares en cubertas de cara á súa instalación, mantemento e reparación.

 

Centro ISSGA_LUGO

30 de abril de 2024

Presentación campaña Issga “Planificación dos traballos de aproveitamento forestal. Zonas perigosas”

11.00 - 12.00

Acto de presentación xunto dos representantes do sector forestal do documento técnico sobre zonas de perigo nos traballos de aproveitamento forestal elaborado polo grupo de traballo técnico do sector forestal do Issga.

 

Escola Galega de Prevención_Centro Issga_Pontevedra

19 e 26 de abril e 3 de maio de 2024

Configúrase coma un espazo educativo específico para a introdución dos contidos sobre PRL na poboación escolar de Galicia. Busca incentivar actitudes e hábitos seguros entre os escolares dun xeito ameno, didáctico e divertido que permita inculcar condutas seguras e saudables nunha liña de anticipación aos riscos laborais aos que terán que enfrontarse no futuro.

A actividade principal da escola desenvólvese nun espazo dividido en tres zonas diferenciadas por cores (equipamento, audiovisual e documentación/actividades) nas que a información estrutúrase en catro grandes bloques temáticos: na casa, na rúa, na escola e no fogar.

Están programadas as seguintes visitas:

CEP Altamira de Salceda de Caselas

3 grupos_75 alumnos/as

 

2. PARTICIPACIÓN DO ISSGA NOUTROS EVENTOS E ACTIVIDADES

 

Participación de persoal técnico do ISSGA na xornada sobre traballo e benestar laboral organizada pola empresa Stolt Sea

Terá lugar o 26 de abril de 2024 en Santiago de Compostela e contará coa participación de do persoal técnico do ISSGA, Encarnación Sousa Rodríguez e César André Rivas.

 

Participación de persoal técnico do ISSGA nas actividades organizadas polo IES A Guía

Terá lugar o 2 de maio de 2024 e o persoal técnico do Centro Issga_Pontevedra colaborará na actividades relacionadas coa prevención de riscos laborais na que o estudantado do módulo de FOL das familias de comercio e actividade física porán en práctica os seus coñecementos sobre prevención de riscos laborais.