Plan de actuación 2024

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) é un organismo autónomo adscrito organicamente á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade . De acordo co establecido na Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula, e nos seus estatutos aprobados polo Decreto 165/2014, configúrase como un órgano técnico da Xunta de Galicia en materia de seguridade e saúde no traballo (en adiante SST).

Consonte a dita normativa, o ISSGA desenvolve a súa actuación mediante un plan anual, como instrumento fun- damental para dar cumprimento aos seus fins e desenvolver as funcións que lle son propias, no marco da estratexia que nesta materia adoptan os poderes públicos de Galicia.

O 2024 será o primeiro ano completo de execución da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 (ESSTG27) que co consenso dos axentes sociais configúrase no instrumento a medio prazo das políticas de PRL e PST na procura da redución da sinistralidade laboral nun momento de profunda transformación do mundo do traballo. Neste mesmo ano hai que unir tamén a execución do Plan de acción 2024 da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027 (EESST).

Así, é obxecto do plan anual o deseño e a priorización de accións e medidas que se dirixen á promoción, asesoramento técnico, formación, información e seguimento e control en materia de SST, na execución da vixente estratexia galega para o 2023.

Para a consecución dese obxectivo, este documento de planificación ten unha dobre finalidade:

  • Por unha banda, servir de guión para a execución das funcións e desenvolvemento das actividades técnicas.
  • Pola outra, dar a coñecer coa máxima transparencia a todas as persoas e entidades interesadas a planificación das actividades e mesmo a busca de actores que se sumen a estas actuacións.

No plan de actuación e neste documento de fichas de actividade distínguense iniciativas novas que teñen unha duración limitada no tempo, que pode ser anual ou, nalgúns casos plurianual; outras que supoñen a continuación de actividades iniciadas en anos anteriores, e outras que constitúen actuacións de carácter permanente do ISSGA de acordo coas funcións que ten encomendadas segundo o establecido na súa lei de creación e nos seus estatutos, e a medio prazo no marco da estratexia galega.

Son elementos do Plan de actuación disgregado por estas fichas de actividade:

  • A definición dos obxectivos e resultados que se deben acadar.
  • A asignación ás distintas unidades de desenvolvemento dos programas previstos.
  • A vinculación coa ESSTG27.
  • Os recursos persoais, materiais e orzamentarios para a súa execución.

Esta planificación deuse a coñecer na reunión do órgano colexiado superior de goberno do ISSGA que tivo lugar o día 29 de novembro de 2023, segundo consta na acta da devandita xuntanza. Ao abeiro do artigo 36 dos estatutos, o Plan de actuación será aprobado, por proposta do Consello Reitor, por orde da consellería competente en materia de traballo, dentro do marco da súa estratexia plurianual, contando co informe favorable da consellería competente en materia de facenda, consonte ao establecido pola lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

Portada plan actuación 2024